SITÚAN A FEIJÓO COMO “O PRINCIPAL REFERENTE NO CONXUNTO DE ESPAÑA DO DETERIORO DA SANIDADE PÚBLICA”

Información
Galicia | 12 Enero 2019 | 2834 votos | Correo electrónico | Imprimir

sanidadefeijoo socialistas denunciaO secretario xeral esixe esclarecer as circunstancias nas que faleceron dúas persoas nas Urxencias do CHUS e que os propios profesionais denunciaron na Fiscalía

 

Santiago, 12 de xaneiro de 2019. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, situou hoxe a Feijóo como “o principal referente no conxunto de España do deterioro da sanidade pública” e recalcou que “representa o peor das políticas da dereita” cunha estratexia de recortes e privatizacións que están provocando “situacións de extrema gravidade” en atención primaria, nos PAC e nas urxencias.

Feijóo ten un problema, pero o problema o sufrimos todos os galegos e todas as galegas”, incidiu Gonzalo Caballero na súa comparecencia ante os medios ao termo da xuntanza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, en alusión á “grave crise” que atravesa o sistema sanitario público de Galicia.

Neste contexto, o líder dos socialistas galegos urxiu que se esclareza o sucedido nas Urxencias do CHUS, onde os propios profesionais denunciaron ante a Fiscalía o falecemento de dúas persoas sen a atención requirida. Súmanse estes casos ao falecemento, o pasado mes de agosto, dun home no PAC da Estrada sen chegar a recibir asistencia médica.

Así as cousas, o máximo dirixente do PSdeG instou a Feijóo a “rectificar” a súa política sanitaria, o que inclúe frear os recortes e as privatizacións, incrementar os orzamentos destinados a este fin e relevar aos responsables políticos que “non son quen” de garantir un sistema de calidade.

ORZAMENTO DE PRIORIDADE SOCIAL

En paralelo, trala aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado no Consello de Ministros, o secretario xeral do PSdeG valorou unhas contas “cun claro contido social”, pois consignan máis da metade dos fondos a medidas coas que a marcha da economía “poida chegar ao conxunto das familias”.

Citou así a suba das pensións, nomeadamente as máis baixas, que afectará a máis de 760.000 galegos, o incremento salarial de 150.000 funcionarios en Galicia, os novos beneficios sociais que repercutirán en 200.000 autónomos e os máis de 100.000 traballadores galegos que percibirán o aumento do SMI.

Estes orzamentos plasman un beneficio importante para os galegos e as galegas”, sinalou Gonzalo Caballero, á vista de que Galicia rexistra actualmente os salarios e pensións dos máis baixos de España. É por iso que fixo fincapé en que estas contas son “necesarias e positivas” para esta comunidade.

Precisamente por iso, chamou ao resto de forzas políticas a respaldalas no Congreso, de forma destacada aos deputados galegos do PP. “Se Feijóo quere comprometerse cos galegos, necesitamos esa suba das pensións, dos soldos públicos, do salario mínimo…”, concluíu o líder socialista.

MUNICIPAIS

Na que é a primeira reunión da dirección do PSdeG no ano que acaba de comezar, outro dos asuntos abordados foi a deriva política que está levando o PP de Feijóo coa vista posta nas vindeiras eleccións municipais.

O PP en Galicia empeza a aparecer como o gran aliado de VOX”, reprobou Gonzalo Caballero, toda vez que os candidatos populares en cidades como Vigo ou Lugo xa teñen amosado publicamente a súa disposición a pactar con esta forza de extrema dereita “para conquerir o poder”.

O PP está abandonando o centro político tamén en Galicia”, observou o secretario xeral do PSdeG, quen situou ao seu partido como unha forza “moderada” e “progresista”, en condicións de aglutinar á esquerda e ao centro esquerda, así como á cidadanía que rexeita “o retroceso de VOX en materia de recentralización, abandono da loita contra a violencia machista e xenofobia fronte á inmigración”.

social youtube xornalgalicia   feed-image