OS SOCIALISTAS ESÍXENLLE A FEIJÓO QUE EXPLIQUE A RELACIÓN DA XUNTA CO EX DIRECTIVO DE PEMEX DETIDO POR PRESUNTA CORRUPCIÓN E BRANQUEO DE CAPITAIS

Información
Galicia | 06 Marzo 2020 | 3177 votos | Correo electrónico | Imprimir

Luis Álvarez pregunta “por que negan a súa relación” con Emilio de Lozoya “cando en 2013 asinou a compra do 55 por cento de Barreras co beneplácito do presidente da Xunta”

Santiago de Compostela, 06 de marzo de 2020. O viceportavoz do Grupo Socialista, Luis Álvarez, reclamoulle hoxe ao presidente da Xunta que explique a relación do goberno galego co ex directivo de Pemex detido por presunta corrupción e branqueo de capitais, Emilio de Lozoya. Os socialistas pediron esta comparecencia na reunión da Deputación Permanente do Parlamento, e que foi vetada finalmente polo PP.

 

O responsable socialista reclamoulle ao presidente da Xunta “que explique a relación con Emilio de Lozoya, por que nunca chegaron os 20 buques que comprometeron –coa petroleira mexicana e que asinou o ex directivo co propio Feijóo-, e por que negan a súa relación cando en 2013 foi quen asinou a compra do 55 por cento de Barreras co beneplácito do presidente da Xunta”.

Aquela compra está a ser investigada hoxe pola fiscalía mexicana pola actuación do ex directivo mexicano, con quen a Xunta “lle ten agradecido publicamente a súa relación estreita, intensa e satisfactoria”. Álvarez criticou que o goberno galego estea a negar agora calquera tipo de contacto “con quen o presidente da Xunta asinara, con emisión en prime tima en precampaña electoral, a construción de 20 buques que nunca chegaron a Galicia”.

Macabro cambio de moeda

Os socialistas tamén reclamaron hoxe a explicación do goberno galego polo “macabro cambio de moeda oficial procedente do mercado negro venezolano” para beneficiar ao PP no que “parece” que ten participado o secretario xeral de Emigración do goberno galego. Aquel alto cargo “presuntamente intentou salvar a un compañeiro doutra Comunidade Autónoma que participou no desvío de fondos” destinados para atender a emigrantes en situación de emerxencia sanitaria.

Explicou que esta información proede dunha acta elaborada polo Tribunal de Cuentas logo dunha denuncia do secretario de Traballo da embaixada de Venezuela, que alertou da circulación de ata 300.000 euros procedentes do mercado negro.

O PP rexeitou esta petición, como tamén rexeitou a solicitude de comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar o retraso na chegada da ambulancia medicalizada para atender a un traballador de Punta Langosteira que sufría unha insuficiencia cardíaca, e que finalmente faleceu. Puntualizou que “ninguén cuestiona mala praxis, senón unha mala organización” provocada polos recortes nos servizos de emerxencia.

Apuntou á existencia de “demasiados casos semellantes” derivados da insuficiencia dos recursos sanitarios que provocaron os recortes do goberno de Feijóo, e apuntou así ao falecemento de dous pacientes en A Estrada e Lalín sen que puideran ser atendidos a tempo.

social youtube xornalgalicia   feed-image