O Parlamento de Galicia entregará as súas medallas aos expresidentes da Cámara coincidindo co 35 aniversario da promulgación do Estatuto

Información
03 Abril 2016

Nesta primeira ocasión recoñecen a contribución dos homenaxeados á “consolidación da institución parlamentaria como peza clave da autonomía galega”

 
 O Parlamento de Galicia ultima estes días os preparativos do acto de entrega das súas medallas aos/as expresidentes/as da Cámara, un acto solemne que se celebrará o vindeiro mércores, 6 de abril, coincidindo co 35 aniversario da aprobación do vixente Estatuto de Autonomía (Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril).
 
Esta será a primeira ocasión na que o Parlamento de Galicia entregue as súas Medallas. A concesión foi acordada pola Mesa da Cámara na sesión do pasado 14 de marzo. Recibirán a distinción Antonio Rosón Pérez (a titulo póstumo), Tomás Pérez Vidal,  Victorino Núñez Rodríguez (a título póstumo), José María García Leira, Dolores Villarino Santiago e Pilar Rojo Noguera. 
 
No seu acordo, a Mesa do Parlamento valora o traballo desenvolvido polas persoas que ao longo dos 35 anos de historia da Cámara teñen desempeñado a Presidencia da institución. “Todas elas contribuíron á consolidación da institución parlamentaria como peza clave da autonomía galega, e a súa traxectoria, dedicación e bo facer ao fronte da Cámara as fan merecedoras da concesión, nunha data tan significativa, da Medalla do Parlamento de Galicia”, sinala a proposta de concesión.
 
A concesión das medallas súmase ás iniciativas encamiñadas a impulsar o papel central do Parlamento na vida política galega. E preténdese, ademais, poñer en valor os acordos acadados en sede parlamentaria.
 
 
Saúdos, Gabinete de Comunicación do Parlamento de Galicia.

Imaxes Relacionadas

Outras novas

social youtube xornalgalicia   feed-image