PILAR CANCELA: “DANOS IGUAL O SEÑOR FEIJÓO QUE CALQUERA OUTRO, PORQUE NON HAI UN PROXECTO DO PP PARA GALICIA”

Información
02 Abril 2016

A socialista lembra que a postura do PSdeG sempre foi deixar os procesos orgánicos do partido ata que se aclare “o obxectivo fundamental, que é acadar un goberno de cambio”

Madrid, 2 de abril de 2016. A presidenta da Comisión Xestora do PSdeG, Pilar Cancela, atendeu aos medios durante a reunión do Comité Federal do PSOE en Madrid, onde lembrou que a postura de Galicia sempre foi pospoñer os procesos orgánicos do partido ata que se aclare “o obxectivo fundamental”, que é “acadar un goberno de cambio”. Con respecto á decisión de Feijóo de repetir como candidato á Xunta, Cancela afirmou que ao PSdeG dálle igual “o señor Feijóo que calquera outro”. “A nós danos igual Xan que Pericán, porque estamos falando de que non hai un proxecto do PP para Galicia”, dixo.

Coñecemos perfectamente cal é o resultado da súa tarefa política na Xunta de Galicia nestes sete anos, e o único que nos trouxo é un goberno de 100.000 parados e paradas máis para o noso país desde a súa chegada”, indicou, no que non hai “nin un sector produtivo que poida poñer enriba da mesa ningún dato positivo”, co sector industrial “por desenvolver”, o eólico “paralizado” e “sobre todo, todo o que ten que ver coa xestión pública foi esnaquizado e demolido polo PP”, exemplificou. “Polo tanto danos igual o señor Feijóo que calquera outro, porque van seguir coa mesma folla de ruta. Polo que imos traballar e porque se produza un goberno alternativo de progreso e de cambio para Galicia”, afirmou.

Sobre o adiamento do Congreso Federal aprobado en Madrid, Pilar Cancela lembrou que esa sempre foi a postura de Galicia. “Como federación galega non nos sorprende nin nos resulta estrano, porque foi o que sempre mantivemos e sempre defendemos. Entendiamos e coincidiamos con Pedro Sánchez en que era necesario que se deixase traballar libremente no proceso de negociación para acadar o obxectivo fundamental, que neste momento é un goberno alternativo de cambio fronte aos catro anos nefastos de Rajoy e do PP. Ese é o obxectivo fundamental no que todos temos que traballar, e debemos centrar todos os nosos esforzos en acadar ese consenso”, concluíu.

social youtube xornalgalicia   feed-image