-
Ecoloxistas en Acción e Petón do Lobo solicitan o rexeitamento dos proxectos de modificación do Plan de restauración e de actualización da concesión de explotación de recursos da canteira Couso en Ponteareas.
-
Ambas organizacións ecoloxistas sinalan que estes proxectos teñen un impacto severo e significativo sobre os recursos hídricos da área de afección da canteira e instan á Consellería de Economía, Empresa e Innovación a non autorizar estos proxectos sen a preceptiva avaliación ambiental.
Ecoloxistas en Acción e Petón do Lobo alertan que a pesar que no propio proxecto de explotación recoñécese a presencia de sulfluros non se prevé método algún para o tratamento das augas das balsas e evitar que a drenaxe áceda de mina non acabe por filtración e escorrentía nos cauces próximos. Compre lembrar que o trióxido de azufre produce a acidificación das augas superficiais e é por tanto nocivo para o ser humano e os ecosistemas naturais.
As organizacións ecoloxistas entenden que procede o rexeitamento da solicitude pretendida en tanto que a promotora non cumpre cos requisitos establecidos na normativa vixente para regularizar a reclasificación que pretende. Así o evidencia a omisión tanto do estudo de impacto ambiental como estudo de factibilidade e proxecto de Aproveitamento e o estudo económico de financiamento e garantías sobre a súa viabilidade, que son requisitos establecidos no R.D. 107/1995, do 27 de xaneiro.
Ademais, advirten que compre subsanar a omisión do Plan de Labores do último ano e o control ou seguimento da extracción durante o devandito período, para apreciar debidamente se a mercantil promotora da reclasificación cumpre o non os requisitos que esixe a normativa vixente.
Ambas organizacións ecoloxistas indican que na documentación que presenta a empresa fálase de actualización do proxecto de explotación, mais non se indica en que aspectos se está a actualizar en relación á explotación anterior, polo que se deduce que non hai tal actualización senón que o que se pretende é regularizar unha reclasificación de recursos que adoecía de vicios de nulidade radical ou nulidade de pleno dereito, ao prescindir no seu día do procedemento legalmente establecido ao efecto para a súa realización. Por tanto, é precisa a realización dunha avaliación ambiental.