Miguel Anxo Fernández Lores visita as instalacións de San Francisco acompañado polo seu responsable, o Pai Gonzalo, a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e o cociñeiro Pepe Solla
“O comedor de San Francisco historicamente e ao longo dos últimos anos está a facer un labor social importantísima, de xeito altruísta, coa colaboración de moita xente voluntaria”. Deste xeito subliñou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a esencial tarefa solidaria que o comedor social desempeña na nosa cidade, no contexto dunha visita institucional de homenaxe e agradecemento na que estivo acompañado polo responsable das instalacións, o Pai Gonzalo; a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, e o chef Pepe Solla (que acudiu para servir os seus menús).
O alcalde lembrou que “estamos nun momento especial”, no que non se pode servir no comedor, pero no que grazas á colaboración de Protección Civil “estanse a repartir tuppers para as familias e comidas a título individual cunha bolsiña de froita, leite, iogures… Incluso se pode levar comida para facer na casa ou recoller bocadillos para a noite”. O rexedor municipal salientou “a sorte que temos de contar cun cociñeiro Estrella Michelin que fai a comida tres días á semana”. “Iso é un luxo. Debe ser dos poucos comedores sociais que ten esa fortuna. En Pontevedra somos unha referencia ata niso. Polo tanto, hai que agradecerlle a Pepe Solla e ao seu equipo que fagan ese esforzo e que, agora que están pechados, lle adiquen unhas horas a realizar este labor social tan importante”, asegurou Fernández Lores.