A sección sindical da CIG da CRTVG denuncia o trato de favor, mesmo con posto e horarios á carta, que a compañía dispensa ao que hoxe ocupa o posto de editor de informativos de fin de semana da Radio Galega. Un cargo de nova creación ao que este traballador pasou tras das denuncias dunha traballadora que, a raíz disto, se viu sometida a constantes desconsideración e faltas de respecto por parte deste cargo. Un comportamento que a sección sindical da CIG denunciou por consideralo “puníbel” pero que foi negado pola CRTVG.
Segundo explica a sección sindical, no mes de setembro este cargo incorporouse, primeiro, como novo coordinador de informativos da fin de semana da Radio Galega e comunicou ao persoal que coordinaba que sairía de xeito habitual a primeira hora da tarde, porque, segundo xustificou, algún venres tería que facer entrevistas.
O sinalado horario foi obxeto de denuncia ante o Comité de Empresa da CRTVG en San Marcos por unha redactora, unha vez que non se sabía quen ía asumir os posíbeis cambios na escaleta dos informativos do serán despois da saída do coordinador, xa que era este quen tamén asumía a responsabilidade da edición do informativo nese momento.
Horas sen traballo efectivo
A partir da denuncia, o trato do coordinador cara a traballadora mudou, pasando a mantela durante horas sen traballo e esperando ao remate da xornada para lle asignar varias noticias, ou repartindo o traballo de xeito que á traballadora lle coincidisen varios satélites ao mesmo tempo, ademais das malas contestacións e faltas de respeto recibidas a cotío.
Estes malos modos culminaron no acontecido no pasado domingo 20 de outubro, cando a redactora seleccionou dous cortes de unha declaración para que o coordenador escollese a que quería incluir no informativo, sendo a resposta deste, despois de varios intentos e no último momento, “mete la que te salga de los huevos”, a berros e pechándolle a porta do estudio nas narices. Como consecuencia, a traballadora sufriu unha crise de ansiedade, pola que tivo de ser atendida en urxencias, permanecendo a dia de hoxe de baixa por IT.
Negativa a abrir un procedemento sancionador
Na reunión coa empresa do 27 de novembro, a CIG entendeu que estábamos ante un comportamento puníbel e reclamou á dirección a incoación do correspondente procedimento sancionador, do mesmo xeito que a empresa fixo con outros traballadores que, supostamente, “manifestaron desconsideracións ou faltas de respeto” contra os seus xefes (duas sancións en menos de un mes). Neste caso, a empresa se negou a recoñecer a existencia dese mal trato á traballadora e rexeitou abrir o procedimento reclamado polo CIG.
Sexa como for, o certo é que a dia de hoxe o coordinador deixou de o ser, mas segue na fin de semanan na Radio Galega, desempeñando o posto de nova creación de editor co mesmo horario á carta.